
O volcán Wolf, situado nas Illas Galápagos, entrou en erupción durante a madrugada do luns logo de ter permanecido 33 anos inactivo, pois a anterior a esta tivera lugar en 1982. Ubicado na Illa Isabela, a máis grande do arquipélago, é o volcán de maior altitude cuns 1700 m e, apenas iniciada a súa actividade, comezou a expulsar fluxos de lava que ían en dirección ao mar e columnas de cinza que, debido ao vento, podían pasar sobre a poboación de Puerto Villamil, asentada no sureste da illa. Ademais da exposición ao perigo por parte persoas, a cal era mínima para considerala un risco potencial debido á distancia que as separa do Wolf (115 km), tamén entrou en xogo a dos animais que habitan nas Galápagos, nos cales se baseou Darwin para establecer a súa teoría da evolución das especies no transcurso da súa viaxe no Beagle. Entre eles destacan as iguanas rosadas, sendo a Illa Isabela o único lugar do mundo no que habitan, en concreto nos arredores do volcán, compartindo hábitat con iguanas amarelas e coas tartarugas xigantes Chelonoidis becky.

No hay comentarios:
Publicar un comentario