A paradoxa dos humanos é que pertencemos a unha especie o suficientemente intelixente como para viaxar á Lúa, e á vez tan estúpida como para poñer en risco a súa supervivencia destrozando o planeta no que habita. Se o "pequeno paso para o home e gran salto para a Humanidade" de Neil Armstrong será sempre un motivo para sentirnos orgullosos do que os sapiens somos capaces de lograr, o noso desprecio cara ao medio ambiente debería avergoñarnos aínda máis.
Contra isto, un prestixioso grupo de políticos, empresarios e científicos norteamericanos propuxo a idea de crear un novo proxecto chamado "Programa Apolo para combatir o cambio climático", tendo como obxectivo o de realizar unha inversión comparable á que os EE.UU fixo no seu día para cumplir a promesa de John F. Kennedy de "poñer a un home na Lúa e traelo de volta á casa" en menos dunha década. O que propón este Programa Apolo do século XXI é conquistar neste caso un novo mundo enerxético no que as placas solares, os molinos eólicos e outras fontes renovables sexan máis competitivas, accesibles e baratas que as enerxías fósiles.
No marco do próximo Cumio do Clima a finais deste ano en París, onde se pretende dunha vez por todas establecer un novo "Protocolo de Quioto" para reducir as emisións contaminantes de CO2, os impulsores do Apolo climático esperan duplicar o presuposto actual de I+D dedicado ao campo das enerxía renovables.

No hay comentarios:
Publicar un comentario