jueves, 11 de junio de 2015

Nena cun nariz creado nunha impresora 3D

   Tessa Evans naceu sen nariz. Os seus pais irlandeses sabían que a nena viña ao mundo con esa malformación conxénita, coñecida como "arrinia" e extremadamente rara (47 casos coñecidos no mundo). En lugar de inclinarse polas terapias de reconstrución ata agora coñecidas, que deixan imborrables cicatrices faciais, o doutor Jonathan Britto, do Great Olmond Street Hospital de Londres, propúxolles aos pais de Tessa unha solución audaz e só posible grazas ás novas tecnoloxías.
   Empregando un modelo en tres dimensións do cranio da nena, os médicos foron capaces de deseñar un implante á medida (fabricado tamén cunha impresora 3D) que fai de incipiente nariz e que se substituirá co tempo por outros implantes adaptados ao rostro da nena segundo vaia crecendo. A diferenza doutros métodos usados ata a data, o implante introdúceselle debaixo da pel dende unha incisión no coiro cabeludo, de modo que non deixa cicatrices no rostro. Cando chegue a hora de cambiar o implante por outro maior, ábrese a incisión, coma se fose un sobre, e así ata chegar á prótese do nariz definitivo que a nena terá na súa adolescencia.
   Nada máis nacer, Tessa Evans pasou cinco semanas entubada. Tiveron que practicarlle unha traqueotomía para que puidese respirar sen dificultade e alimentábase maioritariamente de soros. Pero co tempo, a nena aprendeu a respirar pola boca, tivo unha vida bastante saudable e non botou en falta o nariz máis que á hora de mirarse no espello (obviamente, tampouco desenvolveu o sentido do olfacto).
   O nariz non terá a súa función natural como vía respiratotia, pero polo menos dará un bo resultado estético. Co novo método, e tras un novo implante en cada idade de crecemento terase acadada a expansión do tecido. Os orificios nasais non serán reais, senón tatuados, pero a apariencia será a dun nariz normal.


No hay comentarios:

Publicar un comentario