jueves, 11 de junio de 2015

O Apolo climático

   A paradoxa dos humanos é que pertencemos a unha especie o suficientemente intelixente como para viaxar á Lúa, e á vez tan estúpida como para poñer en risco a súa supervivencia destrozando o planeta no que habita. Se o "pequeno paso para o home e gran salto para a Humanidade" de Neil Armstrong será sempre un motivo para sentirnos orgullosos do que os sapiens somos capaces de lograr, o noso desprecio cara ao medio ambiente debería avergoñarnos aínda máis.
   Contra isto, un prestixioso grupo de políticos, empresarios e científicos norteamericanos propuxo a idea de crear un novo proxecto chamado "Programa Apolo para combatir o cambio climático", tendo como obxectivo o de realizar unha inversión comparable á que os EE.UU fixo no seu día para cumplir a promesa de John F. Kennedy de "poñer a un home na Lúa e traelo de volta á casa" en menos dunha década. O que propón este Programa Apolo do século XXI é conquistar neste caso un novo mundo enerxético no que as placas solares, os molinos eólicos e outras fontes renovables sexan máis competitivas, accesibles e baratas que as enerxías fósiles.
   No marco do próximo Cumio do Clima a finais deste ano en París, onde se pretende dunha vez por todas establecer un novo "Protocolo de Quioto" para reducir as emisións contaminantes de CO2, os impulsores do Apolo climático esperan duplicar o presuposto actual de I+D dedicado ao campo das enerxía renovables.
   Certo é que para chegar á Lúa o que impulsou ós estadounidenses foi a súa rivalidade cos rusos na Guerra Fría, mais agora, a motivación ten que xurdir dun obxectivo común que nos interesa a todos os seres humanos como especie ameazada: salvar a nosa Terra. E sen dúbida o famoso lema que os enxeñeiros da NASA adoptaron en Houston para a conquista da Lúa pode aplicarse igualmente ao desafío do cambio climático: o fracaso non é unha opción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario